logo          

           
            - Pesca da robaliza a chivo –

 

 

      1-   ¿Qué é un chivo?
      2-  ¿Onde se usa?
      3-   ¿Como se usa?
      4-   Equipo necesario.
      5-   Novos conceptos.

 

      1-   ¿Qué é un chivo? -

      O chivo é un señuelo moi tradicional, en Galicia sobre todo, para a pesca da robaliza na rompiente, e ideado para traballar na bravura que presenta o mar tanto no Atlántico coma no Cantábrico.

      Orixinalmente estaba composto por un pello ou bola de barro cocido da que saía pelo de cabalo ou cabra (de ahí o seu nome “chivo”), sendo este último o mellor, deste pello saía co pelo unha corda con un ou dous anzós.

      Atábase ó extremo dunha cana de bambú e lanzábase na rompiente donde a bola rebotaba repetidamente contra a pedra pola acción de subida e baixada das olas ata que se conseguía a picada do robalo. Esta forma de pesca sería inviable actualmente dada a excaseza actual de robalos comparado cos que había fai 50 anos.

      A chegada de novos materiais de pesca, a fibra de vidrio e os carretes máis potentes permitiron unha evolución no chivo que pasou a ser de chumbo o que permitía mellorar a súa forma ata chegar ó que coñecemos agora, máis parecido a un peixe e mellor formado para nadar dunha forma tan característica e traballalo ó lance, tal e como concebimos agora o spinning.

      Segundo a zona, e dadas as características tan variables da nosa costa, cada grupo de pescadores dunha ou outra zona foron adaptando o chivo segundo mellor lles ía funcionando, e así naceron todas as variedades que agora disfrutamos.

      Antiguamente, despóis de fundir o plomo, o chivo ía collendo unha cor máis apagada ata quedar coa coñecida cor do plomo en tono gris opaco, e había que rascar cunha navalla para provocarlle destellos. Agora os chivos, veñen cromados ou niquelados, co que se vai perdendo esta costumbre.

      É difícil facer unha boa clasificación dos tipos de chivo debido a gran variedade que atopamos, pero unha clasificación, aínda que moi burda pode ser a seguinte:

     

A) Pola forma:

      - Tipo Delta: Nun principio pódese describir a súa forma coma a dun  ala delta alongada, cun nervio central e os bordes máis planos. Pola súa forma de nadar, estes chivos son os que menos profundizan ou o fan máis lentamente.

     
      - Tipo Piscis: o seu corpo recorda á típica forma de peixe, profundizan máis rápido ca os Delta.

     

      - Tipo Oval: Coma o seu nome indica son ovalados e suelen ter os costado planos. Son os que máis rapido baixan.


  Fig.1: De esquerda a dereita chivo tipo oval, piscis e delta

      Nos chivos, a profundidade á que traballamos ven dada máis ben polo peso do señuelo e pola velocidade de recollida, pero isto xa se comentará no apartado de como se utiliza.

     
       B) Polo peso:
      Normalmente os pesos suelen ser de 50, 75 e 100 grms., aínda que se poden atopar máis variantes dende os 40 ata os 125 grms.

       C) Rectos ou ondulados:
      Ambos tipos navegan facendo ondulacións pero as do recto son máis longas e as do ondulado son máis pechadas, polo que o ondulado suele pedir unha recollida máis lenta .
     
       D) Pola cor do pelo:
      Tradicionalmente a cor do pelo dos chivos é unha mezcla de branco e negro, pero dependendo da situación convén unha maior porcentaxe de un ou outro.



         Fig. 2: Chivo tipo piscis de pelo negro.

 

      Por exemplo nunha zona de moita espuma irá mellor o pelo negro, pero se é de noite usaremos pelo blanco na cola do chivo. Nas zonas de area funciona mellor o pelo de cores marróns ou cor area.



           

  Fig. 3: Chivo de pelo blanco.




            Fig.4: Chivo de pelo cor area.
     
     

Unha das últimas evolucións no chivo é o uso do pelo sintético o que nos dá un amplio abano de cores. Os chivos de pelo vermello q monta o noso compañeiro Rober están a dar moito que falar últimamente pola súa efectividade.


      
   Fig.5: Chivo delta de pelo vermello/amarelo.

 

      2-  ¿Onde se usa?

      O campo por excelencia, e onde na miña opinión non ten rival, é a rompiente, cachón ou babeiro.

 


      É aquí onde lle sacamos o máximo rendemento ó chivo, porque é o señuelo que máis e mellor se lanza con e sen vento, é onde mellor se engana á robaliza. Polas carácterísticas do equipo que conleva o seu uso, permítenos estar pescando nunha situación máis segura lonxe dos golpes de mar.

 

      Ademáis de usalo na espuma, tamén vai ben cando a auga está batida polo fondo pero non en superficie.


      Pode funcionar tamén de noite en praias nas circunstancias nas que se usaría un jensen pero con chivos de tamaño máis moderado.
     
En xeral en todas as situacións nas que non aguanta un minow pola forza do mar e precisamos de máis peso ou donde non se chega con outros señuelos polo alonxado que queda da costa.

 

     
   3- ¿Cómo se usa?
  
Unha das máximas no mundo da pesca é que cada mestre ten un libro, e non hai recetas exactas que garanticen o éxito.  O uso do chivo varía dependendo da zona e do pescador sobre todo. O básico sabémolo todos, lanzar e recoller, pero que fai que un saque varias pezas mentres outro non ten nin picada?
      A forma básica é facer o lance e recollida lineal. A partir de aquí iremos explicando algunha variante, pero ten que ser o propio pescador o que experimente.


     
      1- Na foto imos explicar unha situación hipotética que nos facilitará entender como procederemos a traballar o chivo, isto na miña opinión é aplicable ó resto de señuelos.

      Supoñemos que estamos na pedra marcada coa posición nos en vermello.

      Primeiro lance sería en A. Asi como cae o chivo á auga comezamos a recoller.

      Segundo lance sería en A1 e igual, asi como cae o chivo recollida rápida e así sucesivamente ata chegar a A6.

      Voltamos a comezar. Primeiro lance a B, aquí facemos unha recollida intermedia e mentres movemos a manivela probamos varias velocidades. Neste lance o chivo toca a auga e contamos ata 3, asi exploramos outra capa de auga e seguimos con B1, B2,.... B6.
      O lance en C contaremos ata 5 ou 6 e seguimos con C1, C2,...C6.
      Desta forma iremos probando ata que obteñamos a picada. Co tempo acaberemos aforrando lances e exploraremos a zona en menos tempo.

      Convén facer variantes da velocidade na recollida e algún tironciño de vez en cando.

      2- Esta segunda forma de traballar será mellor cando xa levemos un tempo vareando co chivo, xa q require máis precisión e puntería no lance. Trátase de ir buscando os cabezos que saen á superficie e lanzar buscando a robaliza na espuma que queda diante da pedra.
     Igualmente facemos os lances en A, B e C variando as profundidades e as recollidas.

     
      3- A terceira opción consiste en pasar o chivo polos canais onde pode estar o robalo a distintas profundidades ata conseguir a picada.



      O máis común é usar esta opción cando temos un gran coñecemento do terreo no que nos movemos e sabemos onde están os canais de miralos durante a marea baixa. Co tempo iremos “facendo ollo” e sabremos onde está o canal pola maneira de traballar a auga

 
     4- Equipo necesario.
      O equipo clásico para chivear é unha cana de 3,60 con carrete en tamaño 6000 ou 8000 (referencias para Shimano) e monofilamento 0,40.
     
A cana:
      O máis común é a famosa cana de 3,60 e potencia 100-200. Agora ben, dependendo da zona onde se pesca, gustos do pescador e o momento no que estamos isto pode variar.
      Eu particularmente sempre chiveei con cana de 4,05 ou 4,20 , sen embargo outra xente usa a cana de minows de 3,00 ou 3,30 e se a circunstancia se presta lanza un chivo de 50 grms ou menos.
      A cana de 3.60 é a máis cómoda e ó longo da xornada agradécese esa palanca máis curta e que cansa menos, mentres q a cana de 4 metros ou 4,20 permítenos lanzar máis, manexar mellor o robalo para varar e estár lanzando un pouco máis altos.


      O carrete:
      Buscaremos un carrete cunha capacidade de recuperación cercana ó metro por volta de manivela, e primaremos no carrete o arrastre frente a velocidade.      
Se imos traballar con trenzado terá que ser un carrete dunha gama media/alta para que permita o seu uso.
      O tamaño como referencia en Shimano sobre un 6000 ou 8000, aínda que hai xente que usa carretes máis grandes. En Daiwa dende un 4500 ata un 6000. É importante que sexa un carrete diseñado para o spinning, que están ideados para aguantar os miles de xiros ós cales vai estar sometido o carrete ó longo da xornada de pesca.
      Pódense usar carretes moito máis potentes, pero iso vai no gusto de cada un, na miña opinión é que son máis pesados e fan máis torpes e incómodos os movementos coa cana.

    
     O fio:
     O típico era usar un monofilamento de 0,40, pero agora cos trenzados permítesenos usar cordas máis finas e mellorar o lanzado.   
     O trenzado vai ben sobre as 20 ou 30 Lbs, e é conveniente usar un dedil ou esparadrapo no dedo índice do lance para evitar cortes pola potencia coa que sae o fío do carrete.
Podemos usar ou non baixo de monofilamento de 0,40 a 0,45 (incluso máis grosor se temos que salvar moitas pedras ata chegar a nos). Creo que merece a pena usalo para salvar un pouco o trenzado que non é precisamente barato, e asi alargarlle a vida.


      5-   Novos conceptos.
      As opcións de uso do chivo vanse descubrindo a medida que a xente proba cousas novas e arriesga con outro tipo de propostas.  Poden dar bos resultados usádoo para facer Jigging ou a modo de Jensen traéndonos a golpes contra o fondo de area... todo é arriesgarse a romper cos tópicos.
     
Últimamente comeza a nacer unha tendencia de usar na pesca da robaliza os bucktail jigs, que non son outra cousa que cabezas plomadas con colas de pelo, ou sexa, o que levamos décadas facendo aquí.
      
Dous consellos máis.

O primeiro é que sempre que nos acheguemos ó mar a lanzar os nosos señuelos, a relaxarnos e disfrutar debemos ter en conta que o mar non sempre é predecible. Nunca perdades de vista o mar e coidado cos golpes das olas. Non hai robaliza suficientemente grande que xustifique a pérdida dun compañeiro de pesca. Moito ollo e moito coidado nas pedras.

      Segundo consello é que o chivo é un señuelo eficaz, barato e tradicional, moi arraigado na forma de ver e sentir a pesca da robaliza na nosa terra. A nosa xeneración ten que dar continuidade ós coñecementos  que foron recopilando e ensinándonos os nosos maiores. Pódese afirmar sen ningún tipo de duda que aínda a día de hoxe o chivo é o señuelo que máis e mellores robalos saca das nosas costas, asi que vos invito a que lle deades unha oportunidade.
     

 

 

 

©robalizas.com 2009